Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Máis de 8.000 persoas visitaron Sotavento durante o 2018

04/01/2019

Máis de 8.400 persoas visitaron as nosas instalacións durante este ano 2018, cunha media de máis de 700 visitantes mensuais. Isto fai que, dende o inicio do Plan Educativo – Divulgativo no ano 2002, se superen os 260.000 visitantes totais.

A maior parte das visitas durante este período, concretamente o 32% das mesmas, foron realizadas por grupos técnicos e estudantes de bacharelato, seguido por centros educativos de secundaria (27%), asociacións (22%) e centros educativos de primaria (16%). Campamentos, familias e visitas institucionais completan as visitas deste ano, co afán de achegarse á realidade enerxética actual e aos principais sistemas de aforro e eficiencia enerxética que existen.

En canto a procedencia, o 93% das visitas chegaron dende algún punto da nosa Comunidade, sendo A Coruña (53%) a provincia con maior representación nas mesmas. Cabe destacar que o 5% das visitas procedían de outros puntos do territorio nacional e o 2% facíano dende outros países.

A duración media das actividades sitúanse nas 3-4 horas, durante as cales os participantes achéganse á Vivenda Bioclimática Demostrativa, ao Taller da Enerxía, á Aula Divulgativa, á base dun Aeroxerador real, etc.

Entre as actividades máis relevantes levadas a cabo neste último ano, destaca a nosa participación educativa na II Feira da Enerxía de Galicia celebrada no mes de marzo en Silleda. Tamén destaca a participación nas nosas actividades de distintos grupos do Programa Europeo ERASMUS, así como a nosa colaboración con distintas institucións como ADEGA, ou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo entre outras.

Como todos os anos, fixemos especial fincapé na celebración de días mundiais como o do Vento, o do Medio Ambiente, o da Auga, o da Eficiencia Enerxética ou a Semana da Mobilidade.

Este ano tamén se intensificou a presenza en redes sociais, aumentando os seguidores en Instagram nun 80%, en Twitter nun 10% e en Facebook nun 8%.

De cara ao vindeiro ano 2019, as nosas instalacións van a experimentar unha importante actualización para aumentar a oferta didáctica. No eido dos proxectos apostarase polo autoconsumo fotovoltaico e a mobilidade eléctrica, aspectos xa tidos en conta con anterioridade, pero que recobrarán forza nos vindeiros anos.

Lembramos que para visitarnos é necesario concertar cita a través do teléfono 981 56 37 77.