Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Máis de 5.000 persoas visitaron o espazo de Sotavento na II Feira da Enerxía de Galicia

27/03/2018

Sotavento participou na II Feira da Enerxía de Galicia que tivo lugar do 22 ao 24 de marzo no recinto feiral de Silleda.

Durante as tres xornadas, achegáronse máis de 5.000 persoas a coñecer o noso proxeto Educativo-Divulgativo.

Nun espazo dedicado exclusivamente á difusión e sensibilización en materia de enerxías renovables e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia e o aforro enerxético, etc. Ademais, os máis pequenos, así como centenares de escolares de centros educativos da zona, puideron coñecer dunha forma máis lúdica as posibilidades do vento e do sol a través de diferentes obradoiros de papaventos e da elaboración dun chocolate feito nunha cociña solar parabólica.

Nesta segunda edición, a Feira da Enerxía de Galicia contou cun total de 6.235 visitantes, entre profesionais e consumidores, o que supón un considerable aumento con respecto á edición anterior, onde se acadaron os 5.500 visitantes. Segundo datos da organización, o público procedeu de case todas as comunidades españolas, pero tamén de outros países como Portugal, Francia, Suíza, Uruguai, Dinamarca ou Reino Unido.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de clausurar o evento, acompañado do vicepresidente, Alfonso Rueda, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, entre outros.

II Feira da Enerxía de Galicia