Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Noticias

Plazo solicitude de visitas para o curso académico 2018-2019

06/09/2018

A solicitude de visita a Sotavento no curso académico 2018-2019 comezará A PARTIR DO DÍA LUNS 24 DE SETEMBRO.
A partir dese día, poderase solicitar data para todo o curso académico. O horario de atención será de 9 a 11:00 e de 12 a 14 horas
No momento da reserva, será imprescindible sinalar os cursos, o número aproximado de alumnos e alumnas. Tamén vos pedimos que dispoñades de polo menos dúas datas alternativas en meses distintos para axilizar a xestión
Reserva de datas: 981563777 (9 a 11:30 e de 12 a 14 horas)

Récord de visitantes a Sotavento

08/05/2018

Un millar e medio de persoas achegáronse durante o mes de abril ás nosas instalacións.

Entre as visitas destaca a participación de grupos internacionais procedentes de distintos países como Italia, Rumanía, Turquía, Macedonia, Reino Unido e Francia.

Por outra banda, seguimos a ser un referente no eido educativo para distintas carreiras universitarias. Neste período participaron máis dun centenar de alumnos e alumnas de Educación Social e Pedagoxía.
No apartado de colaboracións, durante este mes acollemos nas nosas instalacións a celebración dunha xornada coorganizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Os colectivos técnicos xa son habituais entre os visitantes a Sotavento, que durante o ano 2017 superaron o 30% das visitas e dende o comezo do Plan Educativo-Divulgativo xa superan o 37% das mesmas.

Visita internacional en Sotavento

10/04/2018

As nosas instalacións recibiron hoxe a case un centenar de persoas procedentes de diferentes países europeos como Italia, Rumanía, Turquía, Macedonia ou Reino Unido. Os integrantes do grupo, formado por mestres e alumnos de diferentes idades, viñan acompañados por un grupo de estudantes e profesores do CPR Alca de Ames.

Durante as case 3 horas que duraron as actividades, os participantes puideron coñecer importantes proxectos como a Vivenda Bioclimática Demostrativa e mesmo visitar o interior dun aeroxerador.

CPR Alca (Ames)

Máis de 5.000 persoas visitaron o espazo de Sotavento na II Feira da Enerxía de Galicia

27/03/2018

Sotavento participou na II Feira da Enerxía de Galicia que tivo lugar do 22 ao 24 de marzo no recinto feiral de Silleda.

Durante as tres xornadas, achegáronse máis de 5.000 persoas a coñecer o noso proxeto Educativo-Divulgativo.

Nun espazo dedicado exclusivamente á difusión e sensibilización en materia de enerxías renovables e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia e o aforro enerxético, etc. Ademais, os máis pequenos, así como centenares de escolares de centros educativos da zona, puideron coñecer dunha forma máis lúdica as posibilidades do vento e do sol a través de diferentes obradoiros de papaventos e da elaboración dun chocolate feito nunha cociña solar parabólica.

Nesta segunda edición, a Feira da Enerxía de Galicia contou cun total de 6.235 visitantes, entre profesionais e consumidores, o que supón un considerable aumento con respecto á edición anterior, onde se acadaron os 5.500 visitantes. Segundo datos da organización, o público procedeu de case todas as comunidades españolas, pero tamén de outros países como Portugal, Francia, Suíza, Uruguai, Dinamarca ou Reino Unido.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de clausurar o evento, acompañado do vicepresidente, Alfonso Rueda, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, entre outros.

II Feira da Enerxía de Galicia

As Xornadas “Enerxía e Clima” rematan coa visita a Sotavento

23/03/2018

Sotavento acolleu nas súas instalacións aos participantes nunhas xornadas sobre enerxía e cambio climático desenvoltas pola Deputación de Lugo xunto co colectivo ecoloxista ADEGA. O simposio xuntou a varios expertos sobre o sector enerxético galego e enmarcouse no programa de actos da Deputación sobre a “Hora do Planeta”, expoñendo a importancia de trasladar a cuestión enerxética e o impacto do cambio climático á reflexión pública.

Nestas xornadas tamén se trataron aspectos máis concretos como a factura eléctrica, as medidas de aforro e a eficiencia enerxética nos fogares. Neste aspecto, os educadores de Sotavento puideron amosar de maneira empírica na Vivenda Bioclimática as consecuencias sobre o medio das nosas accións na vida cotiá.

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

05/03/2018

Cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Como cada ano, aproveitamos esta data para facer aínda máis fincapé no aforro e uso responsable da enerxía e dar lugar á reflexión sobre os nosos hábitos ineficientes e actuar en consecuencia.

O noso consumo enerxético provén en máis dun 80% de fontes de enerxía non renovables e que nos fan depender enerxeticamente doutros países. Ademais, un 30% das emisións de gases contaminantes que emitimos á atmosfera deriva da queima destes combustibles como consecuencia dos nosos desprazamentos diarios por estrada e do consumo enerxético das nosas vivendas.

Nun período de crise económica como o que vivimos, o uso responsable de enerxía pode converterse nun gran aliado á hora de reducir gastos e, en definitiva, de facer máis con menos. En moitos casos poñer en marcha pequenas iniciativas eficientes a nivel doméstico significa importantes aforros económicos que, na maioría dos casos, levan tamén asociadas significativas vantaxes ambientais e mesmo melloras na calidade de vida.

Neste aspecto, a campaña “Dálle Luz á Túa Factura”, levada a cabo polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto Galego de Consumo (IGC) por medio do noso departamento divulgativo, serviu como ferramenta de divulgación, formación e sensibilización para achegar á cidadanía o contido do recibo eléctrico e consellos prácticos para aforrar no consumo de electricidade.

É moi importante recalcar tamén, que ser máis eficiente non implica perder en calidade de vida, senón conseguir o mesmo con menos recursos, podendo incluso mellorar o confort.

Unha vez máis a Vivenda Bioclimática tamén é unha ferramenta clave nas nosas actividades, nas que os participantes poden comprobar que ser eficiente nos nosos fogares é algo fundamental e que nos implica a todos.

Tamén poñemos a disposición de todo aquel que o desexe e a través da zona interactiva desta páxina web varias aplicacións gratuítas que nos permiten facer cálculos sobre o consumo eléctrico do noso fogar, a elección dos nosos electrodomésticos ou o consumo de auga. Ditas aplicacións permítennos coñecer dun xeito práctico os datos tanto económicos como ambientais que poden proporcionarnos as diferentes medidas mencionadas.

Por exemplo, o cambio de 5 lámpadas incandescentes de 75 W por 5 lámpadas LED da mesma iluminación e cun uso medio de 1 h ao día faríanos aforrar máis de 15 € ao ano nas nosas facturas e evitar a emisión á atmosfera de máis de 20 kg de C02 anuais. Se, ademais, eliminamos os consumos ocultos e en espera de pequenos aparatos electrónicos e cargadores de baterías e usamos lavadoras e frigoríficos máis eficientes, o aforro ascendería a máis de 140 € anuais e as emisións evitadas de CO2 á atmosfera por vivenda a máis de 200 kg ao ano. Isto, extrapolado a todas as vivendas de Galicia suporía deixar de emitir á atmosfera máis de 260 mil toneladas de CO2 ao ano.

Pechamos o ano 2017 superando o 9.000 visitantes

23/01/2018

No ano 2017 Sotavento superou os 9.000 visitantes aumentando os datos de afluencia do ano 2016. A media de visitas mensuais supera as 22 cunha duración media por visita de 4 horas. Os colectivos máis implicados volven ser grupos con carácter técnico seguidos por alumnos e alumnas de secundaria e asociacións de todo tipo.

COMEZA O PRAZO PARA SOLICITAR VISITA A SOTAVENTO

05/09/2017

O luns día 25 de setembro comezará o prazo de solicitude de visitas a Sotavento para o curso académico 2017/2018. O horario de atención será de 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h.

Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento de reserva será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas.

Informarvos ademáis que a participación nas actividades conlevará un pequeño custe de 2 € para menores de idade e de 3 € para adultos (os profesores e acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777 ( De 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h ).
Información xeral: 981441020 (De 10:00h a 14:00h)

Esperámosvos!!

No seu décimo sexto aniversario Sotavento supera o cuarto de millón de visitantes

22/07/2017

Sotavento celebra o seu décimo sexto aniversario recibindo nas súas instalacións ao visitante número 250.000.

Cúmprense 16 anos dende que o actual Rey de España, Felipe VI, inauguraba as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento. Dende entón, máis dun cuarto de millón de persoas de distintas procedencias, idades e colectivos percorreron as instalacións do parque participando nas súas actividades divulgativas.

Unha exitosa traxectoria en materia de sensibilización das enerxías renovables e a eficiencia enerxética que se ve avalada polos numerosos recoñecementos, nacionais e internacionais, recibidos ao longo destes 16 anos. Sendo destacable o recoñecemento da UNESCO no ano 2014, que nomea Sotavento como caso de "Boas Prácticas" e inclúeo na súa publicación dos 32 casos de éxitos destacados e nivel mundial. Só tres lugares en España teñen esta mención: Forteventura, a illa de Hierro e Sotavento.

A aposta firme desde o inicio por un proxecto educativo flexible, experimental e dinámico no tempo, fai que 16 anos despois Sotavento continúe sendo todo un referente na educación enerxética.

A celebración deste aniversario coincide á súa vez co fin do curso académico 2016/2017, durante o cal Sotavento recibiu nas súas instalacións a máis de 9.417 persoas distribuídas nun total de 262 visitas.
Un curso no que destacan as visitas realizadas por estudantes de educación secundaria e grupos técnicos, ambos os colectivos representan máis dun 63% do total das visitas.
Colectivos procedentes maioritariamente da Comunidade autónoma de Galicia, aínda que son moitos os estudantes e investigadores de todo o mundo os que se interesan polo proxecto de Sotavento, chegando a destacalo como único a nivel mundial e creador de tendencias e vocacións no ámbito enerxético, xa que moitos dos alumnos e alumnas que no seu día visitaron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento a día de hoxe traballan neste sector.

Semana Europea da Enerxía Sostible 2017 en Sotavento (EUSEW 2017)

27/06/2017

A Semana Europea da Enerxía Sostible (EUSEW) lanzada no ano 2006 pola Comisión Europea e organizada pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana Empresa (AESME) en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Enerxía, converteuse nos últimos anos nun dos eventos máis destacados a nivel mundial en materia de eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Trátase dunha campaña de concienciación que pretende sensibilizade á sociedade en relación ao aforro e a eficiencia enerxética e impulsar a transición enerxética entre a poboación na loita polo avance cara a un novo modelo de enerxía limpa e dun consumo enerxético responsable en liña cos obxectivos europeos.

Na súa 12º edición, celebrada do 19 ao 25 de xuño, a EUSEW 2017 logrou reunir a autoridades públicas, empresas privadas, ONG e consumidores de todo o mundo que ao longo dunha semana propuxeron e participaron en diferentes actividades como, conferencias, mesas redondas, visitas a instalacións, etc.

Unha vez máis e por sétimo ano consecutivo Sotavento sumouse á celebración da EUSEW 2017 organizando ao longo da semana diferentes actividades nas que participaron as máis dun centenar de persoas que durante eses días percorreron as instalacións do parque.

Visítanos no verán

22/06/2017

O comezo oficial do verán marca o inicio dun período estival en Sotavento durante o cal as instalacións do parque permanecerán abertas para aquelas persoas que baixo reserva previa estean interesadas en visitarnos.

Para xestionar a visita poden chamar ao teléfono: 981563777 de 10:00h a 14:00h ou ben enviar un mail a info-divulgacion@sotaventogalicia.com .

Sotavento achega o mundo da enerxía aos máis pequenos

16/06/2017

Conscientes da importancia dunha educación ambiental dirixida a todos os colectivos e idades, Sotavento consolida a súa proposta educativa dirixida aos ciclos de educación infantil.

A través dun amplo programa de actividades prácticas e experiencias adaptadas a estes nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, descubrimos a importancia da enerxía, os problemas ambientais derivados e o enorme valor dos nosos hábitos de aforro e eficiencia.

Son case inexistentes os proxectos educativos que inciden en aspectos de educación enerxética a estas idades temperás. A falta de medios e a súa dificultade son os argumentos esgrimidos para pasar por alto uns dos temas de maior importancia para o ser humano do SXXI: A enerxía.
Con todo, consideramos que estas idades son as idóneas para establecer preconceptos e fomentar valores que determinarán as futuras condutas adultas.

Desde hai anos, son moitos os centros de infantil que se interesaron por este proxecto educativo. Un dos máis habituais é a escola infantil de Vilalba. Esta vez, os seus alumnos e alumnas de entre 3 e 5 anos puideron gozar de diferentes actividades prácticas como transformar a enerxía do sol en enerxía eléctrica a través dunha placa fotovoltaica, experimentar cunha turbina hidráulica, de vento, etc. Mesmo, mediante a utilización de construcións, jerarquizaron o balance enerxético do noso país priorizando as fontes renovables. Aínda que poida parecer complicado, as súas respostas ante problemas complexos son moitas veces máis sensatas que a de moitos adultos.

O programa ERASMUS + participa nas actividades divulgativas de Sotavento

22/05/2017

O pasado 18 de maio, máis de medio centenar de participantes no programa de ERASMUS + promovido pola Xunta de Galicia percorreron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento.

O programa pretende apoiar as políticas europeas e nacionais en todos os ámbitos da educación formal a través do valor engadido que supón a internacionalización e ofrecer maiores posibilidades de mobilidade e cooperación, tanto a docentes como a alumnos do noso país.

Baixo o lema , A CALL FROM SCHOOLS "FOR THE LESS DESTRUCTION LET´S REDUCE THE CONSUMPTION" , docentes e alumnos de 6 países europeos (Italia, Lituania, Turquía, Rumania, Grecia e España) realizan intercambios para fomentar o aforro e a eficiencia nos centros educativos.

Na súa visita a España, máis de medio centenar de participantes no programa dirixidos polo equipo de Erasmus + do IES da Pobra do Caramiñal, centro inmerso no proxecto, participaron nas actividades divulgativas de Sotavento, coñecendo de primeira man as medidas de eficiencia e/ou aforro aplicadas e promovidas na loita pola reflexión dun uso responsable dos recursos enerxéticos en particular e dos problemas ambientais en xeral.

As universidades galegas elixen Sotavento para a formación externa dos seus alumnos

24/04/2017

As Universidades galegas destacan Sotavento e as Instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento como un lugar ideal para complementar a formación dos seus alumnos.

O pasado 21 de abril, coincidiron nas instalacións do parque alumnos de dúas das principais universidades galegas.
Por unha banda, a UDC (Universidade da Coruña) unha vez máis optou por traer aos seus alumnos de Master en Enerxía Eólica e alumnos de 2º e 3º curso de Grao en Enxeñería, que a través dunha visita técnica puideron coñecer de primeira man as instalacións e funcionamento dun parque eólico, unha oportunidade que ofrece Sotavento e é única probablemente a nivel mundial.
Ao mesmo tempo, máis de 15o alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da USC (Universidade de Santiago de Compostela) participaron nas actividades educativas de Sotavento, centrando a súa atención principalmente na pedagoxía e a metodoloxía coas que se desenvolven todas as actividades do Plan Educativo.

Ambas as actividades, veñen a sumarse a outras xa realizadas por estes centros ao longo de curso académico 2016-2017, xa que, cada vez son máis os centros de estudos superiores que elixen Sotavento como un lugar ideal para a formación externa dos seus alumnos.

Sotavento recibe unha "mención de honra" na 9ª edición dos Premios de Enerxía de EnerAgen 2017

10/04/2017

O pasado 30 de marzo a Axencia Provincial da Enerxía de Cádiz (APEC) acolleu a entrega da 9ª edición dos Premios Nacionais de Enerxía EnerAgen 2017.

Avalados polas axencias españolas de xestión da enerxía asociadas a EnerAgen, estes premios buscan o recoñecemento das mellores actuacións de fomento e utilización das Enerxías Renovables e Uso Racional da Enerxía e Eficiencia Enerxética en todo o territorio nacional.

Nesta 9º edición dos premios, o " Plan Educativo Divulgativo de Sotavento" foi recoñecido cunha mención de honra na categoría de sensibilización e difusión das Enerxías Renovables e a Eficiencia Enerxética.

Ademais de Sotavento, resultaron premiados nas distintas categorías, Concellos situados en Xirona e Castelló así como a Deputación de Granada entre outros.

Sotavento participa no II Congreso Lucense de Medio Ambiente e LVII Curso de Saúde Ambiental

24/03/2017

A quincuaxésima sétima edición do Curso de Saúde Ambiental, celebrado do 20 ao 23 de marzo no auditorio municipal "Carmen Estévez" do Concello de Vilalba , toca o seu fin cun "éxito completo".

Segundo datos da organización, esta última convocatoria sumou máis dun centenar de inscritos chegados desde Galicia, Asturias ou Valencia que ao longo de 3 xornadas puideron beneficiarse do extraordinario coñecemento dos 33 expertos relatores que participaron nas diferentes sesións plenarias.

Cambio climático, xestión de augas e residuos, patrimonio natural e posibilidades turísticas da comarca chairega foron algúns dos temas debatidos durante as xornadas, nas que Sotavento participou cunha sesión baixo o título de " Contribución de Sotavento á a investigación, formación e educación en materia de enerxías renovables e aforro e eficiencia enerxética".

Ademais, durante a xornada de clausura os participantes realizaron visitas prácticas á Edar de Entrepinares no polígono de Vilalba, a emblemática charca do Alligal de Codesido e ao Parque Eólico Experimental de Sotavento en Xermade.

Sotavento conmemora o "Día Mundial da Eficiencia Enerxética"

13/03/2017

Desde 1998, cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Foi durante a 1º Conferencia Internacional da Eficiencia Enerxética celebrada en Austria, onde se decidiu establecer unha data na que todos os cidadáns reflexionásemos sobre a problemática do uso abusivo dos combustibles fósiles e a importancia de comezar a empregar fontes de enerxía alternativas.

Un ano máis, Sotavento uniuse á conmemoración do devandito evento centrando as súas actividades da semana do 6 ao 12 de marzo principalmente á divulgación de aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética.
Máis de 300 persoas, chegadas das 4 provincias galegas, percorreron as instalacións de Parque Eólico Experimental Sotavento comprobando eles mesmos que un simple xesto pode ter grandes vantaxes ambientais e económicas sen afectar á nosa calidade de vida.

Conscientes da importancia de que as medidas de aforro e eficiencia deben converterse en algo cotián do noso día a día, Sotavento convidou aos participantes a depositar o seu consello de eficiencia enerxética, co fin coñecer cales son as medidas de aforro máis empregadas pola cidadanía.

Concluída a semana e analizados os resultados, obtense que o 43% dos enquisados cre que se deberían de construír máis vivendas bioclimáticas, o 26% pensa que se debería de aforrar máis electricidade, mentres que o 22% incide na necesidade do aforro de auga, cun 9% restante que indica a importancia do aproveitamento solar.

Sotavento recibe o "Premio Eficiencia Enerxética A3e - El Instalador 2016" á mellor Acción Divulgación de Eficiencia Enerxética

17/11/2016

A Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética - A3e e a Editorial O Instalador recoñecen a Sotavento e a súa traxectoria como mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética 2016 e concédenlle o 1º premio na súa categoría.

A sede COAM de Madrid acolleu o xoves 17 de novembro de 2016 no marco do II Foro Nacional de Eficiencia Enerxética (FOROGEn), a cerimonia de entrega dos IV Premios de Eficiencia Enerxética.

Organizados por A3e - Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética e a editorial O Instalador coa colaboración do IDAE e de ENDESA, estes premios buscan o recoñecemento ao labor desenvolvido por institucións, empresas, profesionais e estudantes en beneficio á eficiencia enerxética en España.

Entre as máis de 30 candidaturas presentadas, o xurado concedeu a Sotavento o 1º premio na categoría de mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética. Na que tamén resultaron premiados a "Campaña Cinergía" presentada por AREA MEDIA e "Fulldome" (Experiencia inmersiva para a promoción de sistemas híbridos con Aerotermia) presentado por SAUNIER DUVAL.

José Núñez Baña e Manuel Díaz Fernández, Xerente e responsable da área premiada respectivamente, foron os encargados de recoller o premio en Madrid.

Sotavento finalista nos premios outorgados pola Asociación de Empresas de Eficiencia Energética na categoría: "Mejor contenido/acción divulgativa de eficiencia energética".

12/11/2016

Sotavento finalista nos premios outorgados pola Asociación de Empresas de Eficiencia Energética na categoría: "Mejor contenido/acción divulgativa de eficiencia energética".
O gañador coñecerase no II Foro Nacional de Gestión Energética que se celebrará o 17 de noviembre en Madrid.
Entre as máis de trinta candidaturas presentadas, un xurado de seis expertos en eficiencia enerxética seleccionou como finalistas ás seguintes candidaturas.
•Campaña: Cinergía. Presentado por ARENA MEDIA.
•Fulldome (Experiencia inmersiva para la promoción de sistemas híbridos con Aerotermia). Presentado por SAUNIER DUVAL.
•Plan Educativo – Divulgativa Sotavento y su trayectoria en materia de Eficiencia Energética, Ahorro y EERR. Presentado por la Fundación SOTAVENTO GALICIA.
Esperamos ter sorte!!
http://news.asociacion3e.org/noticia/9-finalistas-optan-a-los-iv-premios...

Abre o prazo para solicitar visita a Sotavento

14/09/2016

O venres día 23 de setembro comeza o prazo para solicitar visitas a Sotavento. Desde ese día, poderase solicitar data para todo o curso académico. O horario de atención será de 9 a 11:30 e de 12 a 14 horas.

Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento da reserva, será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas. Para axilizar a xestión rogámosvos que teñades esta información dispoñible no momento da chamada.

Informarvos ademais que a participación nas actividades conlevará un pequeno custe de 2 € para menores de idade e 3 € para adultos (os profesores acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777 (9 a 11 e de 12:30 a 14 horas)

Información xeral: 981441020 (10-14)

Esperámosvos!!

Páxinas