Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

05/03/2018

Cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Como cada ano, aproveitamos esta data para facer aínda máis fincapé no aforro e uso responsable da enerxía e dar lugar á reflexión sobre os nosos hábitos ineficientes e actuar en consecuencia.

O noso consumo enerxético provén en máis dun 80% de fontes de enerxía non renovables e que nos fan depender enerxeticamente doutros países. Ademais, un 30% das emisións de gases contaminantes que emitimos á atmosfera deriva da queima destes combustibles como consecuencia dos nosos desprazamentos diarios por estrada e do consumo enerxético das nosas vivendas.

Nun período de crise económica como o que vivimos, o uso responsable de enerxía pode converterse nun gran aliado á hora de reducir gastos e, en definitiva, de facer máis con menos. En moitos casos poñer en marcha pequenas iniciativas eficientes a nivel doméstico significa importantes aforros económicos que, na maioría dos casos, levan tamén asociadas significativas vantaxes ambientais e mesmo melloras na calidade de vida.

Neste aspecto, a campaña “Dálle Luz á Túa Factura”, levada a cabo polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto Galego de Consumo (IGC) por medio do noso departamento divulgativo, serviu como ferramenta de divulgación, formación e sensibilización para achegar á cidadanía o contido do recibo eléctrico e consellos prácticos para aforrar no consumo de electricidade.

É moi importante recalcar tamén, que ser máis eficiente non implica perder en calidade de vida, senón conseguir o mesmo con menos recursos, podendo incluso mellorar o confort.

Unha vez máis a Vivenda Bioclimática tamén é unha ferramenta clave nas nosas actividades, nas que os participantes poden comprobar que ser eficiente nos nosos fogares é algo fundamental e que nos implica a todos.

Tamén poñemos a disposición de todo aquel que o desexe e a través da zona interactiva desta páxina web varias aplicacións gratuítas que nos permiten facer cálculos sobre o consumo eléctrico do noso fogar, a elección dos nosos electrodomésticos ou o consumo de auga. Ditas aplicacións permítennos coñecer dun xeito práctico os datos tanto económicos como ambientais que poden proporcionarnos as diferentes medidas mencionadas.

Por exemplo, o cambio de 5 lámpadas incandescentes de 75 W por 5 lámpadas LED da mesma iluminación e cun uso medio de 1 h ao día faríanos aforrar máis de 15 € ao ano nas nosas facturas e evitar a emisión á atmosfera de máis de 20 kg de C02 anuais. Se, ademais, eliminamos os consumos ocultos e en espera de pequenos aparatos electrónicos e cargadores de baterías e usamos lavadoras e frigoríficos máis eficientes, o aforro ascendería a máis de 140 € anuais e as emisións evitadas de CO2 á atmosfera por vivenda a máis de 200 kg ao ano. Isto, extrapolado a todas as vivendas de Galicia suporía deixar de emitir á atmosfera máis de 260 mil toneladas de CO2 ao ano.