Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Noticias

No mes de xuño, Sotavento recibe 14 grupos.

31/05/2019

Os grupos son:
Balneario de Lugo (Lugo)
CEIP Gonzalo Torrente Ballester (Cambre)
CPR Andaina (Culleredo)
Asociación Autoclub Clásicos de Narón (Narón)
EEI de Vilalba (Vilalba)(2)
CEIP Veleiro Docampo (Castro de Rei)
A Galiña Azul (Vilalba)
CEIP de Tabeaio (Carral)
CPI O Mosteirón (Sada)
CEIP Albeiros (Lugo)
Universidade de Vigo (Vigo)
Concello de A Coruña (A Coruña)

Sotavento participará nunha campaña de concienciación sobre o cambio climático.

13/03/2019

O 22 de Marzo, Dia Mundial da auga realizaremos un visionado do documental de Leonardo Dicaprio grazas á colaboración de FOX e National Geographic. A iniciativa, da Fundación Internacional de Solidariedade ( FISC), pretende realizar un visionado coordinado en todos os centros educativos de España que o desexen. Para iso poden contactar a través do leste fisc.santiago@gmail.com e conseguir unha ligazón sen custo para a descarga da película en alta resolución. O centro queda coa copia en propiedade para poder proxectala no futuro sempre que queiran.
Trailer da película:
https:// antesdequeseatarde2018. blogspot. com/ p/a- pelicula.html

Educando para a sustentabilidade

15/02/2019

Medio centenar de alumnos e alumnas de distintas facultades pertencentes á Universidade da Coruña (UDC), participaron o venres 15 de febreiro en Sotavento nunha actividade centrada especificamente na sustentabilidade.
A xornada enmárcase dentro do proxecto 'Educando para a Sustentabilidade', e dentro do 'febreiro ambiental' da UDC que incluirá conferencias, mesas redondas, debates, talleres, visitas técnicas, un ciclo de cinema ambiental e traballo de campo.
A actividade, deu comezo á segunda edición do citado proxecto didáctico organizado pola UDC e Alcoa.

Máis de 8.000 persoas visitaron Sotavento durante o 2018

04/01/2019

Máis de 8.400 persoas visitaron as nosas instalacións durante este ano 2018, cunha media de máis de 700 visitantes mensuais. Isto fai que, dende o inicio do Plan Educativo – Divulgativo no ano 2002, se superen os 260.000 visitantes totais.

A maior parte das visitas durante este período, concretamente o 32% das mesmas, foron realizadas por grupos técnicos e estudantes de bacharelato, seguido por centros educativos de secundaria (27%), asociacións (22%) e centros educativos de primaria (16%). Campamentos, familias e visitas institucionais completan as visitas deste ano, co afán de achegarse á realidade enerxética actual e aos principais sistemas de aforro e eficiencia enerxética que existen.

En canto a procedencia, o 93% das visitas chegaron dende algún punto da nosa Comunidade, sendo A Coruña (53%) a provincia con maior representación nas mesmas. Cabe destacar que o 5% das visitas procedían de outros puntos do territorio nacional e o 2% facíano dende outros países.

A duración media das actividades sitúanse nas 3-4 horas, durante as cales os participantes achéganse á Vivenda Bioclimática Demostrativa, ao Taller da Enerxía, á Aula Divulgativa, á base dun Aeroxerador real, etc.

Entre as actividades máis relevantes levadas a cabo neste último ano, destaca a nosa participación educativa na II Feira da Enerxía de Galicia celebrada no mes de marzo en Silleda. Tamén destaca a participación nas nosas actividades de distintos grupos do Programa Europeo ERASMUS, así como a nosa colaboración con distintas institucións como ADEGA, ou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo entre outras.

Como todos os anos, fixemos especial fincapé na celebración de días mundiais como o do Vento, o do Medio Ambiente, o da Auga, o da Eficiencia Enerxética ou a Semana da Mobilidade.

Este ano tamén se intensificou a presenza en redes sociais, aumentando os seguidores en Instagram nun 80%, en Twitter nun 10% e en Facebook nun 8%.

De cara ao vindeiro ano 2019, as nosas instalacións van a experimentar unha importante actualización para aumentar a oferta didáctica. No eido dos proxectos apostarase polo autoconsumo fotovoltaico e a mobilidade eléctrica, aspectos xa tidos en conta con anterioridade, pero que recobrarán forza nos vindeiros anos.

Lembramos que para visitarnos é necesario concertar cita a través do teléfono 981 56 37 77.

Sotavento deséxavos unhas felices festas e un eficiente 2019

21/12/2018

Sotavento deséxavos unhas felices festas e un eficiente 2019

Campaña Bono Social Eléctrico

19/10/2018

A Fundación Sotavento Galicia colabora coa Xunta de Galicia para facer chegar o Bono Social Eléctrico ás persoas vulnerables a través dos colectivos que traballan a cotío con eles: traballadores sociais de concellos, Cáritas, Cruz Vermella, etc.

Para iso estanse a levar a cabo distintas reunións técnicas de formación e asesoramento nas principais vilas galegas. Nestas sesións, ademais de todo o relativo ao Bono Social Eléctrico, proporciónanse estratexias de aforro e de eficiencia enerxética adaptadas aos colectivos vulnerables cos que adoitan traballar.

O convenio de colaboración tamén inclúe a posta en marcha dunha liña telefónica individualizada que, ademais de atender as dubidas e cuestións que podan xurdir, tamén serve de apoio eficaz de cara a facilitar os trámites aos técnicos encargados dos mesmos.

Plazo solicitude de visitas para o curso académico 2018-2019

06/09/2018

A solicitude de visita a Sotavento no curso académico 2018-2019 comezará A PARTIR DO DÍA LUNS 24 DE SETEMBRO.
A partir dese día, poderase solicitar data para todo o curso académico. O horario de atención será de 9 a 11:00 e de 12 a 14 horas
No momento da reserva, será imprescindible sinalar os cursos, o número aproximado de alumnos e alumnas. Tamén vos pedimos que dispoñades de polo menos dúas datas alternativas en meses distintos para axilizar a xestión
Reserva de datas: 981563777 (9 a 11:30 e de 12 a 14 horas)

Récord de visitantes a Sotavento

08/05/2018

Un millar e medio de persoas achegáronse durante o mes de abril ás nosas instalacións.

Entre as visitas destaca a participación de grupos internacionais procedentes de distintos países como Italia, Rumanía, Turquía, Macedonia, Reino Unido e Francia.

Por outra banda, seguimos a ser un referente no eido educativo para distintas carreiras universitarias. Neste período participaron máis dun centenar de alumnos e alumnas de Educación Social e Pedagoxía.
No apartado de colaboracións, durante este mes acollemos nas nosas instalacións a celebración dunha xornada coorganizada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes e o Instituto Galego da Calidade Alimentaria.

Os colectivos técnicos xa son habituais entre os visitantes a Sotavento, que durante o ano 2017 superaron o 30% das visitas e dende o comezo do Plan Educativo-Divulgativo xa superan o 37% das mesmas.

Visita internacional en Sotavento

10/04/2018

As nosas instalacións recibiron hoxe a case un centenar de persoas procedentes de diferentes países europeos como Italia, Rumanía, Turquía, Macedonia ou Reino Unido. Os integrantes do grupo, formado por mestres e alumnos de diferentes idades, viñan acompañados por un grupo de estudantes e profesores do CPR Alca de Ames.

Durante as case 3 horas que duraron as actividades, os participantes puideron coñecer importantes proxectos como a Vivenda Bioclimática Demostrativa e mesmo visitar o interior dun aeroxerador.

CPR Alca (Ames)

Máis de 5.000 persoas visitaron o espazo de Sotavento na II Feira da Enerxía de Galicia

27/03/2018

Sotavento participou na II Feira da Enerxía de Galicia que tivo lugar do 22 ao 24 de marzo no recinto feiral de Silleda.

Durante as tres xornadas, achegáronse máis de 5.000 persoas a coñecer o noso proxeto Educativo-Divulgativo.

Nun espazo dedicado exclusivamente á difusión e sensibilización en materia de enerxías renovables e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia e o aforro enerxético, etc. Ademais, os máis pequenos, así como centenares de escolares de centros educativos da zona, puideron coñecer dunha forma máis lúdica as posibilidades do vento e do sol a través de diferentes obradoiros de papaventos e da elaboración dun chocolate feito nunha cociña solar parabólica.

Nesta segunda edición, a Feira da Enerxía de Galicia contou cun total de 6.235 visitantes, entre profesionais e consumidores, o que supón un considerable aumento con respecto á edición anterior, onde se acadaron os 5.500 visitantes. Segundo datos da organización, o público procedeu de case todas as comunidades españolas, pero tamén de outros países como Portugal, Francia, Suíza, Uruguai, Dinamarca ou Reino Unido.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de clausurar o evento, acompañado do vicepresidente, Alfonso Rueda, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Director Xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, entre outros.

II Feira da Enerxía de Galicia

As Xornadas “Enerxía e Clima” rematan coa visita a Sotavento

23/03/2018

Sotavento acolleu nas súas instalacións aos participantes nunhas xornadas sobre enerxía e cambio climático desenvoltas pola Deputación de Lugo xunto co colectivo ecoloxista ADEGA. O simposio xuntou a varios expertos sobre o sector enerxético galego e enmarcouse no programa de actos da Deputación sobre a “Hora do Planeta”, expoñendo a importancia de trasladar a cuestión enerxética e o impacto do cambio climático á reflexión pública.

Nestas xornadas tamén se trataron aspectos máis concretos como a factura eléctrica, as medidas de aforro e a eficiencia enerxética nos fogares. Neste aspecto, os educadores de Sotavento puideron amosar de maneira empírica na Vivenda Bioclimática as consecuencias sobre o medio das nosas accións na vida cotiá.

Día Mundial da Eficiencia Enerxética

05/03/2018

Cada 5 de marzo celébrase o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Como cada ano, aproveitamos esta data para facer aínda máis fincapé no aforro e uso responsable da enerxía e dar lugar á reflexión sobre os nosos hábitos ineficientes e actuar en consecuencia.

O noso consumo enerxético provén en máis dun 80% de fontes de enerxía non renovables e que nos fan depender enerxeticamente doutros países. Ademais, un 30% das emisións de gases contaminantes que emitimos á atmosfera deriva da queima destes combustibles como consecuencia dos nosos desprazamentos diarios por estrada e do consumo enerxético das nosas vivendas.

Nun período de crise económica como o que vivimos, o uso responsable de enerxía pode converterse nun gran aliado á hora de reducir gastos e, en definitiva, de facer máis con menos. En moitos casos poñer en marcha pequenas iniciativas eficientes a nivel doméstico significa importantes aforros económicos que, na maioría dos casos, levan tamén asociadas significativas vantaxes ambientais e mesmo melloras na calidade de vida.

Neste aspecto, a campaña “Dálle Luz á Túa Factura”, levada a cabo polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto Galego de Consumo (IGC) por medio do noso departamento divulgativo, serviu como ferramenta de divulgación, formación e sensibilización para achegar á cidadanía o contido do recibo eléctrico e consellos prácticos para aforrar no consumo de electricidade.

É moi importante recalcar tamén, que ser máis eficiente non implica perder en calidade de vida, senón conseguir o mesmo con menos recursos, podendo incluso mellorar o confort.

Unha vez máis a Vivenda Bioclimática tamén é unha ferramenta clave nas nosas actividades, nas que os participantes poden comprobar que ser eficiente nos nosos fogares é algo fundamental e que nos implica a todos.

Tamén poñemos a disposición de todo aquel que o desexe e a través da zona interactiva desta páxina web varias aplicacións gratuítas que nos permiten facer cálculos sobre o consumo eléctrico do noso fogar, a elección dos nosos electrodomésticos ou o consumo de auga. Ditas aplicacións permítennos coñecer dun xeito práctico os datos tanto económicos como ambientais que poden proporcionarnos as diferentes medidas mencionadas.

Por exemplo, o cambio de 5 lámpadas incandescentes de 75 W por 5 lámpadas LED da mesma iluminación e cun uso medio de 1 h ao día faríanos aforrar máis de 15 € ao ano nas nosas facturas e evitar a emisión á atmosfera de máis de 20 kg de C02 anuais. Se, ademais, eliminamos os consumos ocultos e en espera de pequenos aparatos electrónicos e cargadores de baterías e usamos lavadoras e frigoríficos máis eficientes, o aforro ascendería a máis de 140 € anuais e as emisións evitadas de CO2 á atmosfera por vivenda a máis de 200 kg ao ano. Isto, extrapolado a todas as vivendas de Galicia suporía deixar de emitir á atmosfera máis de 260 mil toneladas de CO2 ao ano.

Pechamos o ano 2017 superando o 9.000 visitantes

23/01/2018

No ano 2017 Sotavento superou os 9.000 visitantes aumentando os datos de afluencia do ano 2016. A media de visitas mensuais supera as 22 cunha duración media por visita de 4 horas. Os colectivos máis implicados volven ser grupos con carácter técnico seguidos por alumnos e alumnas de secundaria e asociacións de todo tipo.

COMEZA O PRAZO PARA SOLICITAR VISITA A SOTAVENTO

05/09/2017

O luns día 25 de setembro comezará o prazo de solicitude de visitas a Sotavento para o curso académico 2017/2018. O horario de atención será de 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h.

Co fin de facilitar a visita a Sotavento a un maior número de visitantes, comunicámosvos que no momento de reserva será imprescindible sinalar os cursos, o número de alumnos/as e os horarios xunto coas datas solicitadas.

Informarvos ademáis que a participación nas actividades conlevará un pequeño custe de 2 € para menores de idade e de 3 € para adultos (os profesores e acompañantes quedan excluídos do pago).

Reserva de datas: 981563777 ( De 9:00h a 11:00h e de 12:00h a 14:00h ).
Información xeral: 981441020 (De 10:00h a 14:00h)

Esperámosvos!!

No seu décimo sexto aniversario Sotavento supera o cuarto de millón de visitantes

22/07/2017

Sotavento celebra o seu décimo sexto aniversario recibindo nas súas instalacións ao visitante número 250.000.

Cúmprense 16 anos dende que o actual Rey de España, Felipe VI, inauguraba as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento. Dende entón, máis dun cuarto de millón de persoas de distintas procedencias, idades e colectivos percorreron as instalacións do parque participando nas súas actividades divulgativas.

Unha exitosa traxectoria en materia de sensibilización das enerxías renovables e a eficiencia enerxética que se ve avalada polos numerosos recoñecementos, nacionais e internacionais, recibidos ao longo destes 16 anos. Sendo destacable o recoñecemento da UNESCO no ano 2014, que nomea Sotavento como caso de "Boas Prácticas" e inclúeo na súa publicación dos 32 casos de éxitos destacados e nivel mundial. Só tres lugares en España teñen esta mención: Forteventura, a illa de Hierro e Sotavento.

A aposta firme desde o inicio por un proxecto educativo flexible, experimental e dinámico no tempo, fai que 16 anos despois Sotavento continúe sendo todo un referente na educación enerxética.

A celebración deste aniversario coincide á súa vez co fin do curso académico 2016/2017, durante o cal Sotavento recibiu nas súas instalacións a máis de 9.417 persoas distribuídas nun total de 262 visitas.
Un curso no que destacan as visitas realizadas por estudantes de educación secundaria e grupos técnicos, ambos os colectivos representan máis dun 63% do total das visitas.
Colectivos procedentes maioritariamente da Comunidade autónoma de Galicia, aínda que son moitos os estudantes e investigadores de todo o mundo os que se interesan polo proxecto de Sotavento, chegando a destacalo como único a nivel mundial e creador de tendencias e vocacións no ámbito enerxético, xa que moitos dos alumnos e alumnas que no seu día visitaron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento a día de hoxe traballan neste sector.

Semana Europea da Enerxía Sostible 2017 en Sotavento (EUSEW 2017)

27/06/2017

A Semana Europea da Enerxía Sostible (EUSEW) lanzada no ano 2006 pola Comisión Europea e organizada pola Axencia Executiva da Pequena e Mediana Empresa (AESME) en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Enerxía, converteuse nos últimos anos nun dos eventos máis destacados a nivel mundial en materia de eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Trátase dunha campaña de concienciación que pretende sensibilizade á sociedade en relación ao aforro e a eficiencia enerxética e impulsar a transición enerxética entre a poboación na loita polo avance cara a un novo modelo de enerxía limpa e dun consumo enerxético responsable en liña cos obxectivos europeos.

Na súa 12º edición, celebrada do 19 ao 25 de xuño, a EUSEW 2017 logrou reunir a autoridades públicas, empresas privadas, ONG e consumidores de todo o mundo que ao longo dunha semana propuxeron e participaron en diferentes actividades como, conferencias, mesas redondas, visitas a instalacións, etc.

Unha vez máis e por sétimo ano consecutivo Sotavento sumouse á celebración da EUSEW 2017 organizando ao longo da semana diferentes actividades nas que participaron as máis dun centenar de persoas que durante eses días percorreron as instalacións do parque.

Visítanos no verán

22/06/2017

O comezo oficial do verán marca o inicio dun período estival en Sotavento durante o cal as instalacións do parque permanecerán abertas para aquelas persoas que baixo reserva previa estean interesadas en visitarnos.

Para xestionar a visita poden chamar ao teléfono: 981563777 de 10:00h a 14:00h ou ben enviar un mail a info-divulgacion@sotaventogalicia.com .

Sotavento achega o mundo da enerxía aos máis pequenos

16/06/2017

Conscientes da importancia dunha educación ambiental dirixida a todos os colectivos e idades, Sotavento consolida a súa proposta educativa dirixida aos ciclos de educación infantil.

A través dun amplo programa de actividades prácticas e experiencias adaptadas a estes nenos e nenas de entre 3 e 6 anos, descubrimos a importancia da enerxía, os problemas ambientais derivados e o enorme valor dos nosos hábitos de aforro e eficiencia.

Son case inexistentes os proxectos educativos que inciden en aspectos de educación enerxética a estas idades temperás. A falta de medios e a súa dificultade son os argumentos esgrimidos para pasar por alto uns dos temas de maior importancia para o ser humano do SXXI: A enerxía.
Con todo, consideramos que estas idades son as idóneas para establecer preconceptos e fomentar valores que determinarán as futuras condutas adultas.

Desde hai anos, son moitos os centros de infantil que se interesaron por este proxecto educativo. Un dos máis habituais é a escola infantil de Vilalba. Esta vez, os seus alumnos e alumnas de entre 3 e 5 anos puideron gozar de diferentes actividades prácticas como transformar a enerxía do sol en enerxía eléctrica a través dunha placa fotovoltaica, experimentar cunha turbina hidráulica, de vento, etc. Mesmo, mediante a utilización de construcións, jerarquizaron o balance enerxético do noso país priorizando as fontes renovables. Aínda que poida parecer complicado, as súas respostas ante problemas complexos son moitas veces máis sensatas que a de moitos adultos.

O programa ERASMUS + participa nas actividades divulgativas de Sotavento

22/05/2017

O pasado 18 de maio, máis de medio centenar de participantes no programa de ERASMUS + promovido pola Xunta de Galicia percorreron as instalacións do Parque Eólico Experimental de Sotavento.

O programa pretende apoiar as políticas europeas e nacionais en todos os ámbitos da educación formal a través do valor engadido que supón a internacionalización e ofrecer maiores posibilidades de mobilidade e cooperación, tanto a docentes como a alumnos do noso país.

Baixo o lema , A CALL FROM SCHOOLS "FOR THE LESS DESTRUCTION LET´S REDUCE THE CONSUMPTION" , docentes e alumnos de 6 países europeos (Italia, Lituania, Turquía, Rumania, Grecia e España) realizan intercambios para fomentar o aforro e a eficiencia nos centros educativos.

Na súa visita a España, máis de medio centenar de participantes no programa dirixidos polo equipo de Erasmus + do IES da Pobra do Caramiñal, centro inmerso no proxecto, participaron nas actividades divulgativas de Sotavento, coñecendo de primeira man as medidas de eficiencia e/ou aforro aplicadas e promovidas na loita pola reflexión dun uso responsable dos recursos enerxéticos en particular e dos problemas ambientais en xeral.

As universidades galegas elixen Sotavento para a formación externa dos seus alumnos

24/04/2017

As Universidades galegas destacan Sotavento e as Instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento como un lugar ideal para complementar a formación dos seus alumnos.

O pasado 21 de abril, coincidiron nas instalacións do parque alumnos de dúas das principais universidades galegas.
Por unha banda, a UDC (Universidade da Coruña) unha vez máis optou por traer aos seus alumnos de Master en Enerxía Eólica e alumnos de 2º e 3º curso de Grao en Enxeñería, que a través dunha visita técnica puideron coñecer de primeira man as instalacións e funcionamento dun parque eólico, unha oportunidade que ofrece Sotavento e é única probablemente a nivel mundial.
Ao mesmo tempo, máis de 15o alumnos da Facultade de Ciencias da Educación da USC (Universidade de Santiago de Compostela) participaron nas actividades educativas de Sotavento, centrando a súa atención principalmente na pedagoxía e a metodoloxía coas que se desenvolven todas as actividades do Plan Educativo.

Ambas as actividades, veñen a sumarse a outras xa realizadas por estes centros ao longo de curso académico 2016-2017, xa que, cada vez son máis os centros de estudos superiores que elixen Sotavento como un lugar ideal para a formación externa dos seus alumnos.

Páxinas