Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Presentación

A Xunta de Galicia apostou dun xeito decisivo polas enerxías renovables, e en especial pola eólica, desenvolvendo o Plan Eólico de Galicia.

Dentro deste marco, a Consellería de Economía e Industria promoveu e desenvolveu a idea de non cinguir o Plan Eólico de Galicia, en exclusiva, ao ámbito comercial, co obxectivo de crear un parque eólico que fose rendible economicamente e que perseguise ademais obxectivos novidosos no ámbito divulgativo, formativo e da investigación.

Deste proxecto xorde en 1997 SOTAVENTO GALICIA S.A., Sociedade que pon en funcionamento no ano 2001 o Parque Eólico Experimental Sotavento.

Nesta Sociedade promovida pola Xunta de Galicia e presidida polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) participan dúas entidades públicas que forman o 51% do capital social: Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) e o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE); e tres empresas privadas en representación do sector eléctrico de Galicia: Enel Green Power España, S.L., Iberdrola, S.A. e Enerxía de Galicia, S.A.(ENGASA).

O obxectivo de SOTAVENTO, de acordo co seu fin fundacional, é perseguir ademais da explotación comercial catro obxectivos que dificilmente serían planteables só con iniciativa privada:

  • Ser un parque "escaparate" das diferentes tecnoloxías eólicas
  • Ser unha instalación ao servizo do sector das enerxías renovables, do aforro e a eficiencia enerxética, na cal se poidan desenvolver proxectos e actuacións de I+D+i+d
  • Ser un un centro para a formación e debate de temas enerxéticos
  • Converterse nun centro de divulgación e promoción das enerxías renovables, do aforro e a eficiencia enerxética

Neste apartado cinguirémonos a expoñer brevemente os dous primeiros:

Parque "escaparate"


Parque "escaparate", no sentido de que nun só parque se encontran diferentes tecnoloxías de aeroxeradores representativas do sector eólico galego no momento da súa execución.

Este parque eólico consta de 24 aeroxeradores de 5 tecnoloxías diferentes e un total de 9 modelos de máquinas distintas.

Marco para actividades de investigación e desenvolvemento


Como Parque Eólico Experimental no cal están presentes diferentes tecnoloxías eólicas, e outras infraestruturas tales como unha vivenda bioclimática demostrativa e varias instalacións demostrativas, convérteno nun sitio ideal para o desenvolvemento de proxectos de I+D+i+d.

O Parque Eólico Experimental Sotavento dotouse ademais dos medios técnicos e instalacións que permiten realizar este tipo de actuacións.

DATOS TÉCNICOS


Os datos técnicos máis relevantes son os seguintes:

  • N.º aeroxeradores: 24
  • Tecnoloxías presentes: 5
  • Modelos diferentes: 9
  • Potencia nominal do parque: 17,56 MW
  • Xeración anual media: 33.364 MWh
  • Liña de evacuación da enerxía en alta tensión de 9 km ata a subestación de Mourela en As Pontes (A Coruña)
  • Ventos predominantes: no eixo Leste-Oeste
  • Velocidade media de vento da localización: 6,41 m/s