Solar Térmica
A instalación solar térmica está emprazada na cuberta sur da vivenda bioclimática demostrativa situada no Parque Eólico Experimental Sotavento. Está formada por oito captadores solares térmicos de 2,5 m2 de superficie de absorbedor cada un, sumando unha superficie total de captación de 20 m2.

A instalación está orientada ao Sur (180º) e integrada sobre o tellado da vivenda e cunha inclinación de 19º. A conexión hidráulica entre os paneis realizouse en paralelo, distribuíndose en dúas baterías de catro. Os captadores achegan a enerxía solar que captan ao sistema de calefacción e ACS a través dun depósito interacumulador de 1.000 litros. Esta enerxía emprégase en producir ACS e como achega á calefacción. O sistema de emisores térmicos da vivenda é chan radiante, unha das características deste é que opera a baixas temperaturas, no rango habitual de 35ºC-45ºC. Así, as instalacións con este tipo de emisores permiten que unha porcentaxe da demanda enerxética de calefacción se poida efectuar mediante unha instalación solar, sempre e cando as condicións ambientais exteriores e a demanda interna do edificio o permitan.

Parámetros monitorizados
- Temperatura do fluído na entrada e saída da batería superior
- Temperatura do fluído na entrada e saída da batería inferior
- Temperatura do fluído na entrada e saída ao interacumulador solar
- Temperatura do interacumulador solar en tres niveis
- Humidade relativa
- Irradiancia horizontal
- Datos pluviométricos
- Velocidade e dirección do vento
Características dos captadores solares
Modelo | SchücoSol S.2 |
---|---|
Potencia térmica nominal (W) | 2.000 |
Rendemento (%) | 78,1 |
Coeficiente perda k1 (W/m2K) | 3,902 |
Coeficiente perda k2 (W/m2K2) | 0,008 |
Factor corrección rad. inclin k(50). | 0,98 |
Área do captador (m2) | 2,69 |
Dimensións (mm) | 2152 x 1252 x 93 |
Peso | 57,5 |
Aplicación demostrativa
Sotavento dispón dunha aplicación demostrativa, visual e interactiva, que permite ver os datos da instalación en tempo real e realizar múltiples cálculos e extrapolacións.

Acceso e descarga de datos
Os parámetros das instalacións térmicas do Parque Eólico Sotavento son almacenados nunha base de datos e integrados nunha aplicación de descarga de datos. Esta aplicación, permite ás organizacións, empresas ou universidades coas que Sotavento mantén convenios de colaboración o acceso á información necesaria para o desenvolvemento de proxectos.
Para ver o listado completo dos parámetros almacenados nas instalacións do parque eólico e vivenda bioclimática ir aquí.