Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Sistema de xeración e acumulación de enerxía en forma de hidróxeno

A instalación localízase no Parque Eólico Experimental Sotavento, ao Oeste do edificio principal. Os principais equipos que a compoñen sitúanse en colectores habilitados ao efecto. Esta planta xorde da necesidade de explorar os sistemas de almacenamento enerxético e o seu potencial vinculado á xestión de enerxías renovables, así como de analizar a operación e eficiencia dunha planta real conectada a un parque eólico. O obxectivo era a obtención dos coñecementos de operación e a problemática nunha instalación destas características, coa perspectiva de trasladar estes coñecementos e experiencia a futuras plantas de xestión enerxética a maior escala. A instalación foi desenvolvida de modo conxunto pola Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Gas Natural e a Fundación Sotavento Galicia.

Xeneración e acumulación de enerxía en forma de hidróxeno (1)

A planta de hidróxeno foi operada conforme a distintas estratexias, en todas elas empregándose enerxía eléctrica xerada no Parque Eólico Experimental Sotavento. Dun modo xeral e descritivo, o funcionamento da planta consiste nunha primeira fase de xeración de hidróxeno, posterior almacenamento e por último a combustión deste. Os principais equipos que a integran son:

  • Electrolizador. Neste equipo prodúcese a disociación da molécula de auga nos seus elementos constituíntes, osíxeno e hidróxeno. A capacidade máxima de xeración do equipo é de 60 Nm3/h de hidróxeno (en condicións normais de presión e temperatura, e cunha pureza do 99,99%). O osíxeno xerado no proceso vértese á atmosfera.
  • Compresor. Equipo encargado de elevar a presión do hidróxeno xerado ata os 200 bar para o seu almacenamento.
  • Sistema de almacenamento de hidróxeno. Infraestruturas que permiten acumular o hidróxeno xerado. A capacidade máxima de almacenamento da planta é de 1.725 m3.
  • Motoxerador. Equipo no que se xera a enerxía eléctrica como produto da combustión do hidróxeno. A potencia eléctrica do motoxerador é de 55 kW.

Na actualidade o proxecto finalizou. As características técnicas dos equipos que compoñen a instalación son:

ELECTROLIZADOR


Modelo e Marca Hydrogenics HysSTAT-A 1000 Q-60-10
Número de stack/celas 4 stacks / 90 celas por stack
Caudal máx. de hidróxeno 60 Nm3/h
Presión de saída 6-10 Bar
Eficiencia das celas electrolíticas 4,2 kWh/Nm3
Potencia eléctrica max. absorbida 288 kW
Consumo de auga desmineralizada < 1 l/Nm3 de H2
Tipo de electrólito Disolución KOH en auga ao 30% v/v
Cantidade de electrólito 650 l
Peso total en servizo 4.200 kg

COMPRESOR


Modelo e Marca Bauer HFS 15.4-13-DUO II
Presión de aspiración 2,0-4,0 Bar
Presión de descarga 200 Bar
Caudal de aspiración 18 Nm3/h a 2 Bar 30,9 Nm3/h a 4 Bar
Etapas de compresión 3
Número de cilindros 4
Potencia eléctrica absorbida 7,4 kW a 2 Bar 12,4 kW a 4 Bar

GRUPO MOTOXERADOR


Fabricante Continental Energy Sistems
Potencia mecánica motor 60 kW
Consumo de combustible 198 kW
Configuración 6 cilindros en liña
Capacidade cilindros 11.700 cm3
Ciclo 4 tempos
Velocidade 1.500 rpm
Fluxo max. de hidróxeno 70 Nm3/h
Presión de subministración 28-60 mBar
Potencia eléctrica xerador 55 kW
Rendemento do xerador 91-93%

Aplicación demostrativa


Sotavento dispón dunha aplicación demostrativa, visual e interactiva, que permite ver os datos da instalación en tempo real e realizar múltiples cálculos e extrapolacións.

Xeración e acumulación de enerxía en forma de hidróxeno (2)