Síguenos en Facebook
Síguenos en Twitter

Eventos

Premio Eficiencia Enerxética A3e - El Instalador 2016

17/11/2016

A Asociación de Empresas de Eficiencia Enerxética – A3e e a Edictorial El Instalador recoñecen a Sotavento e a súa traxectoria como mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética 2016 e concédenlle o 1º premio na categoría de mellor Acción Divulgativa de Eficiencia Enerxética.
Coa colaboración do IDAE e de ENDESA, estes premios buscan o recoñecemento á labor desenrolada por institucións, empresas, profesionais e estudantes en beneficio á eficiencia enerxética en España.

I Feira da Enerxía de Galicia

28/04/2016

Sotavento participou co seu proxecto educativo na I Feira da Enerxía de Galicia celebrada do 14 ao 16 de abril no recinto Feiral Internacional de Galicia Abanca de Silleda.
Nun espazo dedicado 100% á difusión e sensibilización en materia de EERR e eficiencia enerxética, os visitantes puideron coñecer de primeira man as fontes de enerxía renovables, datos sobre o consumo eléctrico, consellos relacionados coa eficiencia enerxética e incluso comprobar as vantaxes da mobilidade sostible coa experiencia de conducir un coche ou bicicleta eléctrica. Entre outras moitas actividades cabe destacar os obradoiros dedicados aos máis pequenos, onde de maneira divertida aprenderon as múltiples vantaxes do vento coa elaboración de diferentes tipos de papaventos.

Global Wind Day 2015

16/06/2015

Por sexto ano consecutivo Sotavento únese á celebración do Día Mundial do Vento, que como cada ano ten lugar o 15 de xuño.

EU Sustainable Energy Week 2015

15/06/2015

Un ano máis Sotavento participa na Sustainable Energy week, que se celebra entre o 15 e o 19 de xuño

Premio Think Blue de Volkswagen

03/06/2015

O martes 2 de xuño celebrouse en Madrid a cerimonia de entrega da primeira edición dos Premios Think Blue organizados por Volkswagen.
Os premios, aos que concorreron 72 candidatos, contaban con tres candidaturas diferenciadas para recoñecer as mellores iniciativas en materia de investigación, innovación e traxectoria. A FundaciónSotavento Galicia, foi galardoada na categoría de mellor traxectoria, en recoñecemento a un camiño dedicado á promoción das enerxías renovables, da eficiencia enerxética e da mobilidade sostible.

Premios Galicia de Enerxía 2014

24/04/2015

Por segundo ano consecutivo emitíronse os Premios Galicia de Enerxía, o fin é o recoñecemento das mellores actuacións no sector durante o ano 2014. Esta segunda edición está organizada pola Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia (AIIG) e o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).
O premio á mellor actuación de sensibilización e difusión en materia enerxética foi concedido á Fundación Sotavento Galicia, pola súa labor de difusión emprendida dende o ano 2002.

I Xornada Técnica sobre o Vehículo Eléctrico

16/03/2015

Do 11 ao 15 de marzo celebrouse en Santiago de Compostela a I Xornada Técnica sobre o Vehículo Eléctrico na que participou Sotavento.
Baixo o título "A mobilidade sostible chega a Galicia: o vehículo eléctrico está aquí", os poñentes trataron dende distintos puntos de vista (fabricante, compañía eléctrica e administración pública) cál é o futuro deste tipo de mobilidade e a súa implantación en Galicia.
Ademais, Sotavento realizou probas de condución nun vehículo eléctrico e estudáronse os resultados nunha aplicación informática deseñada especificamente para coñecer o consumo, emisións e datos comparativos cun vehículo convencional.

II Premios á Mellor Práctica en Mobilidade Sostible

09/09/2014

A Fundación resultou premiada nos “II Premio á Mellor Práctica en Mobilidade Sostible” convocados pola Fundación Renault para a Mobilidade Sostible e o Club de Excelencia en Sotibilidade. Os galardóns contan ademais co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Sotavento destacado como exemplo de boas prácticas pola UNESCO

20/02/2014

A iniciativa RENFORUS (Un Futuro de Enerxías Renovables para os sitios da UNESCO), posta en marcha pola UNESCO,decidiu distinguir a experiencia do Parque como caso de "Boas Prácticas" e incluílo na súa publicación de casos de éxito como un dos 32 casos destacados a nivel mundial.

Ver publicación:

Día Mundial da Ciencia 2013

10/11/2013

Este ano unímonos á celebración do Día Mundial da Ciencia con diferentes accións que tratasen de achegar á sociedade a mensaxe de que a ciencia e a tecnoloxía poden contribuír a reducir a pobreza, protexer o medio ambiente e a mellorar a calidade de vida de todos.

Día Mundial do Vento 2013

15/06/2013

Sotavento foi este ano o centro das actividades do Día Mundial do Vento organizadas en España pola Asociación Empresarial Eólica (AEE) no concello de Xermade (Lugo).

Máis de 300 persoas puideron participar en diferentes actividades como voado de cometas, un helicóptero, un globo cautivo, un drone, etc.

Ver fotografía:

Visitante 200.000

14/12/2012

O profesor universitario Alberto González Martínez, de Enxeñaría Técnica Industrial do Campus leonés de Vegazana, converteuse no visitante número 200.000 das instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento.

II Rallye Eficiente Sotavento 2012

22/09/2012

A Fundación Sotavento Galicia celebrou o II Rallye Eficiente Sotavento 2012, unha competición onde se premiaba a eficiencia enerxética nun vehículo a motor.

Energy Days 2012

18/06/2012

A Fundación Sotavento Galicia únese este ano á celebración da Semana Europea da Enerxía Sostible.

Esta iniciativa está organizada pola Axencia Executiva de Competitividade e Innovación, en estreita colaboración coa Dirección Xeral de Enerxía da Comisión Europea e celébrase en Europa do 18 ao 22 de Xuño. Está deseñada para difundir as mellores prácticas, inspirar novas ideas e construír alianzas que axuden a satisfacer as necesidades enerxéticas da Unión Europea e os seus obxectivos climáticos.

Ver fotografía:

Wind day 2012

15/06/2012

Un ano máis, o 15 de xuño, a Fundación Sotavento Galicia únese á celebración do Día Mundial do Vento co fin de promover o coñecemento deste recurso renovable, limpo e autóctono.
Coa celebración deste evento coordinado por GWEC, EWEA e AEE (Asociacións Eólicas Mundial, Europea e Española), a Fundación Sotavento pretende facer reflexionar aos seus visitantes sobre as posibilidades do vento como recurso enerxético de primeira orde.

European Solar Days 2012

15/05/2012

A Fundación Sotavento Galicia participa un ano máis nos “European Solar Days” que teñen lugar do 11 ao 25 de Maio co obxectivo de concienciar á sociedade da importancia que ten o uso da enerxía procedente do Sol. Para iso leváronse a cabo en Sotavento unha serie de actividades dirixidas a diferentes colectivos.

Ver fotografía:

European Solar Prize 2011

02/12/2011

A Vivenda Bioclimática Demostrativa foi galardoada co Premio Solar Europeo 2011 na categoría de Educación e Formación.
O Premio Solar Europeo 2011, que ten como finalidade suscitar e fortalecer o interese público polas enerxías renovables, foi presentado en Berlín por EUROSOLAR en colaboración con KfW Bankengruppe. O Dr. Axel Nawrath, membro da directiva de KfW e o Prof. Peter Droege, presidente de EUROSOLAR, déronlle a benvida aos asistentes, xunto con Jo Leinen, membro do Parlamento Europeo, que tamén felicitou aos premiados.

Premios EnerAgen 2011

10/11/2011

A Vivenda Bioclimática Demostrativa resultou galardoada pola “Asociación de Agencias Españolas de Gestión de la Energía (EnerAgen)” co premio a “Mellor actuación en materia de Aforro e Eficiencia Enerxética” na Terceira Edición dos Premios EnerAgen.
Os Premios EnerAgen son unha actividade encamiñada a fomentar a utilización das Enerxías Renovables, así como o uso racional da enerxía e a eficiencia enerxética en todo o territorio nacional.
Pero este non é o único recoñecemento que recibe a Vivenda, xa que tamén resultou primeira finalista na V Edición dos Premios Endesa á “Promoción Inmobiliaria máis Sostible”, concretamente na categoría de “Promoción Residencial Sostible”.
Nesta nova entrega dos Premios Endesa, nos que se inscribiron máis de 76 proxectos, tratouse de promover a busca de solucións globais e a eficiencia enerxética. Deste xeito, o xurado estaba composto por 15 profesionais de prestixio do ámbito da construción e comunicación sostible

I Rallye Eficiente 2011

24/09/2011

Con todas as prazas cubertas, o I Rallye Eficiente Sotavento 2011 desenvolveuse con éxito dende as 9:00 ata as 13:45, hora na que se coñecían os tres gañadores e se procedía á entrega de premios.
A Fundación Sotavento xa é un referente en Galicia en canto á celebración de eventos relacionados coas enerxías renovables e coa eficiencia enerxética. Por este mesmo motivo, o principal obxectivo deste evento era premiar aos participantes que acadasen os mellores resultados en canto a eficiencia na condución dun vehículo facilitado para tal fin. Neste “Rallye” non só había que chegar antes, senón que había que facelo co mínimo consumo posible.
Esta actividade foi unha demostración práctica moi ilustrativa das vantaxes da condución eficiente en situacións reais, tratando en todo momento que as avaliacións fosen o máis científicas posibles, sen esquecer o carácter divulgativo da proba.
Nesta I Edición do Rallye Eficiente de Sotavento, os condutores máis eficientes foron Francisco Javier Riveiro Blanco de Santa Comba, Manuel Vilaboy Jarel de Valdoviño, Jesús Sardiña Río de Vilalba e Manuel Pita Bermúdez de Lugo. Os tres primeiros, recibiron cheques de regalo en combustible por valor de 300, 200 e 100 euros respectivamente así como un “Planeta Renovable”, símbolo do noso Parque.

Wind day 2011

15/06/2011

Hoxe, 15 de xuño Día do Vento, uns 100 alumnos de primaria realizaron unha solta de globos biodegradables para chamar a atención dos medios e de toda a sociedade sobre as posibilidades de vento como recurso inesgotable e necesario para a sostibilidade deste Planeta. Neles, escribiron os seus desexos e propostas de cara a acadar un mundo máis limpo. O vento encargouse de elevalas quizás en busca de respostas.